Publicacións

CELEBRACIÓN DO ENTROIDO

Imaxe
  Este ano os actos de celebración do Entroido estiveron moi concorridos. Foron moitos os alumnos e as alumnas que viñeron disfrazados dos temas máis diversos. Polos corredores atopamos personaxes de A volta ao mundo en 80 días , das series Peaky Blinders e Anatomía de Gray, de   Men in Black, de Toy Story, de Mario Bross, cos monos vermellos de A casa de papel, de Harry Potter, surferos, moteros, pitufos, superheroes, Mickey e Minnie Mouse e un longo etcétera. Os profesores tamén participaron constituíndo un grupo que parecía sacado directamente dos alegres anos 20.    Na imaxe podedes ver a todos os participantes posando para a posteridade.

VISITA DE YOLANDA CASTAÑO

Imaxe
Hoxe os alumnos de 1º de Bacharelato, grazas as Bibliotecas Municipais do Concello de Oleiros, tiveron o pracer de escoitar á poeta Yolanda Castaño   nun   espectáculo poético-musical no que combinou a música, a imaxe e a palabra cunha sensibilidade que poucas veces temos a posibilidade de contemplar.

DÍA DOS NAMORADOS

Imaxe
      A celebración do 14 de febreiro veu este ano acompañada da poesía. Un grupo de alumnas de Literatura escribiu e ilustrou poemas de amor en todas as linguas que se imparten no instituto. O resultado do seu traballo expúxose no vestíbulo para que todos os interesados puidesen ler estes fermosísimos poemas.

EXPOSICIÓN DE CULTURA PORTUGUESA

Imaxe
    Durante uns días tivemos a oportunidade de gozar na biblioteca cunha interesante exposición de cultura portuguesa organizada por Xavier Rodo, profesor de Portugués. Libros, películas e música estiveron a disposición de todo o alumnado e os profesores para coñecer un pouco máis a cultura do país veciño. Nas imaxes podedes ver parte do material exposto. 

DÍA DA PAZ

Imaxe
  Este ano a celebración do Día da Paz correu por conta dos grupos de 1º e 2º de ESO que, previa petición da biblioteca, debuxaron as súas mans nas horas do titoría. Coa colaboración dos titores e dos alumnos, “tendemos” moitas mans para simbolizar a unión de todos na loita pola PAZ.   Ademais, aproveitando que os alumnos de Relixión realizaran uns preciosos murais, os rodeamos de mans de cores.   Moitas grazas a todos os participantes.

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Imaxe
 A gañadora do concurso que tradicionalmente organiza a biblioteca polo Nadal foi Carlota González García que, no interior da súa postal, aconsella: "Non teñades medo a ser felices!"                                 BO NADAL E FELICES VACACIÓNS !!! 

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O NADAL

Imaxe
Chega o Nadal, o tempo de disfrutar das vacacións e da lectura. Nos paneis do vestíbulo atoparedes algunhas suxerencias que veñen en forma de estrela e de fruto da nosa árbore. Podedes pasar pola biblioteca e levar os libros que queirades para ler nestas festas.  Bo Nadal!!

O IES MARÍA CASARES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Imaxe
            Na xornada do 25 de novembro o alumnado do María Casares participou en varios actos simbólicos para mostrar a súa repulsa á violencia de xénero. Os cursos de 3º e 4º ESO formaron no patio un gran lazo de cor violeta sostendo cartolinas con frases reivindicativas escritas por alumnos e alumnas de 3º e 4º  e polas integrantes do Club de Letras que, xunto a outros compañeiros de 1º de Bacharelato, participaron moi activamente na organización deste acto.           Este é o timelapse da colocación dos alumnos e o resultado final.             O alumnado de 1º e 2º ESO plasmou as súas mans nuns cadros que decorarán os corredores para ter sempre presente a necesidade de loitar contra a violencia e pola igualdade. 

GAÑADORES DO CONCURSO DE RELATOS DE TERROR E MISTERIO

Imaxe
  É o primeiro ano que convocamos o concurso de relatos de terror e estamos sorprendidos polo nivel dalgúns dos nosos escritores. As historias eran moi variadas: fenómenos paranormais, situacións cotiás  que producen terror ou ansiedade, fluír da conciencia de personaxes atormentados... As gañadoras foron: Elena Rodríguez Chas (1º BAC D) e, cun relato escrito a dúas mans, Uxía Platas Guerra e Xiana Villaverde Leis de 3º ESO C. Esperamos que a participación aumente en próximas convocatorias. Parabéns ás gañadoras!